O Museo Nacional do Prado, situado en Madrid, España, é unha das pinacotecas máis importantes do mundo, singularmente rica en cadros de mestres europeos dos séculos XVI ao XIX. O seu principal atractivo radica na ampla presenza de Velázquez, Goya (o artista máis extensamente representado na colección),2 Tiziano e Rubens, dos que posúe as mellores coleccións que existen a nivel mundial, ao que hai que sumar as coleccións de autores tan importantes como El Greco, Murillo, José de Ribera, Zurbarán, Rafael, Veronese,Tintoretto, Van Dyck ou El Bosco, por citar só os máis relevantes. As habituais limitacións de espazo explican que o museo exhiba unha selección de obras de máxima calidade (unhas 900 pinturas), do total de máis de 7.800 que ten no seu inventario.
Ao igual que outros grandes museos europeos, como o Louvre de París e os Uffizi de Florencia, o Prado debe a súa orixe á afección coleccionista das dinastías gobernantes ao longo de varios séculos. Reflicte os gustos persoais dos reis españois e a súa rede de alianzas e inimizades políticas, polo que é unha colección asimétrica, insuperable en determinados artistas e estilos, e débil noutros.